Monday 13 de May de 2024

A actualización e aprobación de novas ordenanzas municipais centrarán o pleno ordinario do venres


Foron sometidas hoxe a ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

Hoxe celebrouse unha reunión da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Xerais do Pleno na que foron sometidos a ditame catro asuntos que serán elevados ao Pleno ordinario do venres, todos eles relacionados coa actualización e aprobación de novas ordenanzas municipais.
Nos casos das ordenanzas reguladoras do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha e do funcionamento e admisión no viveiro municipal de empresas, a proposta é elevar a aprobación a definitiva. Nas novas normativas municipais sobre o uso da praia de Caión e a das terrazas dos locais de hostalería, a aprobación sería con carácter inicial.

Afondando no contido das mesmas, a ordenanza do novo Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha engloba, adapta e regula o funcionamento de todos os servizos municipais de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A normativa garante a continuidade do programa durante os próximos anos e facilita a incorporación de novas medidas se así fose necesario. O texto proposto contempla notables rebaixas na puntuación da baremación necesaria para ter dereito a bonificacións na cota xeral e prioriza o acceso ao servizo ás persoas que xustifiquen a necesidade por circunstancias laborais ou sociofamiliares.

A ordenanza do viveiro municipal de empresas está centrada na regulación tanto dos criterios de admisión como no funcionamento das instalacións. Grazas a esta infraestrutura o Concello ofrece aos emprendedores laracheses a oportunidade de dispoñer dun espazo físico –naves industriais e oficinas- e as condicións e servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación da súa actividade, apoiando, así, as iniciativas empresariais que contribúan á dinamización industrial, á promoción económica e á creación de emprego no municipio.

En canto á nova normativa de terrazas, o obxectivo é regular o réxime xurídico ao que debe someterse o aproveitamento do dominio público mediante a colocación de mesas, cadeiras, toldos, proteccións laterais e instalacións análogas anexas a establecementos hostaleiros de carácter permanente. O texto procura organizar a distribución dos espazos para permitir a actividade comercial pero garantindo a boa accesibilidade para os peóns e adecuando a estética da terraza en torno ao lugar no que se sitúa. Tamén establece os horarios de funcionamento nas diferentes épocas do ano.

Por último, a ordenanza do uso da praia de Caión ten por finalidade regular as actividades que se realicen no areal co propósito de aumentar a seguridade e protexer a saúde pública e o medio ambiente. Neste sentido, o texto proposto pretende compatibilizar o desenvolvemento de diversas actividades na praia, pero establecendo que o paseo, estancia na area e o baño terán preferencia sobre calquera outro uso.